05 septiembre 2006

LENDAS GALEGAS

Hai unha cousa que me apaixoa de verdade, e son as lendas. Non os contos que dan lugar a longametraxes como as dos "cabaleiros da taboa redonda" ou as do "santo graal" que tan de moda se puxo co famoso "Codigo DaVinci", senon esas pequenas historias que contaban os avós para ter ós cativos quedos un anaco. Entre as da miña preferencia atopanse sen lugar a dúbida as que falan de castros encantados, tesouros agochados e dos "mouros" (que as máis das veces se asocian erroneamente os mouros que invadiron o resto da península cando en realidade veñen sendo coma os "elfos" e outras persoaxes máxicas das mitoloxías nórdicas). Esta tradición oral que como tantas outras se vai perdendo non sen tristura, quedou representada nalgúns libros que teño pola casa, e iso e o que queda escrito hoxe: unha representación das mellores da Terra de Melide adicada a Toomuch! (A vindeira vez da Lagoa de Doniños para Pablo).


O CASTRO DE PEDROUZOS
(Melide - A Coruña)
"Din que no castro de Pedrouzos hai tres minas ou vigas; unha de ouro, outra de prata e outra de alquitrán; como non se sabe cal é esta, e tocarlle non se pode, pois todo canto hai no arredor se queimaría, non se anda na busca das outras dúas".
"Neste castro había tamén un señor encantado, e dunha vez pasou por alí unha muller que daba o peito. O encanto (señor), a quen ninguén vía, chamouna para que dera de mamar a un neniño que el tiña e levouna por unha mina moi longa ata unha casa bonitísima. Despois que lle deu de mamar trouxo o señor unha untura e mandoulle á muller que metera os dedos nela e logo que lle untara os ollos ó neno. Fixoo así, mais ela case sen se dar conta pasou os dedos por un ollo seu e dende entón vía por el coma os encantos (señores encantados)".
"Ó outro día era 27 e foi a muller á feira das Cruces de Sobrado e polo ollo que untara viu ó señor do castro a quen ninguén máis vía. Na vez de calar e de non facer caso, chamouno anque aquel non lle falaba".
"Ende outro día a muller voltou ó castro e o señor desta vez faloulle: ¿Con qué ollo me viches na feira? Ela mostroulle con cal fora e tiroullo naquel intre".
(Ano 1933)
NOTA: quizaives sexa este o momento de aclarar que en moitas destas lendas hai un final tráxico e incluso macabro, pero no trasfondo sempre hai unha compoñente moral moi acuasada. En todas elas, non saber gardar un segredo dos mouros ou a codiza por querer quedar con algo valioso, ou querer saber máis do debido tiñan horribles consecuencias.
Por suposto que hai lendas nas que os mouros son malos por natureza pero as máis das veces é unha especie de simbiose, se ti cumples un trato eles cumplen dandoche riquezas, se ti non cumples ou morres, ou perdes un ollo, ou perdes todo o que tes de valor etc etc etc....
O CASTRO PEDRO
(Folladela - Melide - A Coruña)
"Unrapaciño de Ordes andaba gardando o gando e ó chegar ó castro apareceulle unha muller cunha tenda dicíndolle".
- Neniño:"que cosa es que te gusta más de esto?" (Os mouros falan castelán e as frases soan así de extranas por conservaren a contrucción gramatical galega).
- Pois señora, gustanme estas tixeiriñas.
- Bien, ven mañana por ellas; pero trae un mollete de pantrigo y unha taza de manteca que te las he de dar.
Ó día seguinte, o rapaz foi ó castro e sentouse enriba dunha pedra, pousando a taza mais o molete. Pero cando quixo erguerse, notou que ficaba apegado á pedra, e era que contara na casa o sucedido no monte e non dera tino do segredo que a moura lle encargara.
Chegando á noite, oíu unha voz que lle dixo:
"Neniño, vete que tienen mucha pena por ti en tu casa".
O rapaz marchou, mais a manteiga e o molete quedaron apegados para sempre.
"Neste castro hai tres trabes (vigas que sostiñan o teito do mundo soterrado dos mouros); unha de ouro, unha de prata e outra de alquitrán que veñen dende o castro de Paradela. Como non se pode tocar a de alquitran pois todo estouparía, non se poden coller as outras, que porían rica a toda a veciñanza".
NOTA: os temas soen ser recurrentes, a mesma historia ou moi parecida dase en distintos puntos da xeografía ou en distintos castros coma neste último exemplo. Ademáis quero aclarar que non é que os párrafos sexan inconexos dentro da mesma lenda, senon que son varias lendas referidas ó mesmo castro!
"Din tamen que no castro hai unha señorita encantada. Remaneceu a historia do encanto porque un individuo deste país, caera prisioneiro da mourería, alá polas Castillas; mais, un día que nevaba, dixo el: cando aquí neva, que fará entre o castro Pedro e o castro de Paradela...
Oirono os mouros e entón preguntaronlle se coñecía os castros que nomeara. Dixo o preso que si, e dixolle un mouro. Vostede podía facerse rico para toda a sua vida se chegara a desencantar o encanto que hai no castro Pedro".
"Para iso deulle o mouro tres moletes de pan cada un co seu periquete, dicindolle: mira de non lle cribar o periquete a ningún dos moletes, nin lle tires un so bolisco ó pan. Ó chegar ó castro Pedro, colles un dos moletes e tiralo no centro do castro, dicindo: Aureana, Aureana, toma o bolo que che da a tua Ana. Botas o segundo e dis o mesmo e sen variar faino tamén co terceiro molete".
Veuse o outro, xa ceibe, á casa e trouxo consigo os moletes, sen lles tocar para nada nin deixar que ninguen lles puxera a man, mais a sua muller non parabapor saber que levaba no saco, e azoroñou e azoroñou e por cabo non só viu e apalpou os moletes senón que a un tiroulle o periquete" (Que malas sodes as mulleres carallo! jajajajajaja! cento por cento lendas machistas...)
Cando ó outro día pola mañan víu o home tal cousa, puxose que botaba lume contra a muller. Así e todo marchou cara o castro e fixo todo como lle dixeran os mouros. Ó guindar o primeiro saíu unha señora belida montada nunha mula moi chea, que fuxíu coma un lóstrego; botou logo o segundo e saíu outra moza do mesmo xeito. Á derradeira, guindou o bolo espinicado e de súpeto saíu outra señora non menos fermosa, pero montada nunha mula coxa e así non puido fuxir. Enrabeouse moito a moza contra do home porque deixara espinicar o pan e mais porque deixara aquel bolo para a derradeira, pois, como lle dixo ela;se saira na primeira, levábana as outras, e así tiña que quedarse soa no castro. Mais, antes de meterse ó fondo da terra, deulle unha cinta dourada para que lla puxera á muller, que lle había de estar moi ben.
Mais o home fixo doutro xeito e atou a cinta a unha árbore, que nun instantiño quedou feito borralla.
"Dise que un home dos da casa de Fonte-Xoan, leváballe de comer e de vestir, sobre todo carne de vaca e pantrigo, á señora coxa que estaba encantada no castro. Ela en cambio deulle moitos cartos, e a conta deles inda din que estudiou a carreira D. Leoncio, capelán de D. Saturnino Calderón".
(Tamén ano 1933, ano de recopilación claro)
NOTA: Xa para remetar, comentarei que cousas como a que pasa nesta última lenda, na que primeiro é coxa a mula e despois a dona son frecuentes por canto son so iso, lendas de tradición oral, e moitas veces hai lendas que xurden sen saber moi ben porque doutras lendas. Todos sabemos o conto de que se lle contas a mesma nova a unha persoa e esta a outra e asi sucesivamente ao pouco xa non se parece en nada ao orixinal, e iso e o que pasa exactamente aqui. Pero Dioooossssssss................. que pesado me quedou este artigo!!!!
Ate a vindeira!!!!
..........................................Mike

3 Comments:

Anonymous Anónimo said...

jajaja moi ben mike,moitas gracias polo artigo,é certo cas lendas vanse estragando co tempo ,a miña avoa de melide contoume unha lenda q en anancos asemellase algo as q puxeches.
Viña ser q en troques de castro era a igrexia do Castelo a que tiña a columna de ouro.Nambergantes outras lendas demouros refirense a covas e camiños q facian nos montes.Pero aledome de coñecer outras lendas,graciñas

toomuchlove

5/9/06 22:31  
Blogger Mike said...

Pois a verdade é que se me ocorre pregunarche un lote de cousas. Xeralmente os lugares e os nomes da xente á que se fai referencia son reais, ti coñeces eses castros? podería ser que fosen o mesmo? de castro Pedro a castro de Pedrouzo non hai moita diferenza. Ademáis o tal señor Leoncio e o señor Calderón non che soan de nada? Se tes oportunidade de falar con alguén que o saiba contanolo por favor! E por suposto espero coñecer a igrexa da que falas cando volte por Melide, de acordo? Un saudo!

5/9/06 23:40  
Blogger GLI said...

A Lenda de Doniños? Coñezo eu unha tamén, sobre como se creou a lagoa de Doniños, pero agardarei a que a contes, xa que non teño interés por traballar e ti o fas "cojonudo".
As de Melide tamén as leín, aínda que coma tantas, esquecínme dos detalles, ata agora que as releín... debemos ter libros semellantes!!

6/9/06 23:24  

Publicar un comentario en la entrada

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis